Friday 17 de May de 2024

O PSOE reúnese coa asociación Aba do Pedroso e compromete melloras de seguridade viaria nas obras da senda de Figueiras


O secretario xeral dos socialistas en Santiago, Aitor Bouza mantivo un encontro no que tamén participou a deputada provincial responsable, Mónica Rodríguez e o portavoz do grupo municipal, Gonzalo Muíños.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024. Os socialistas reuníronse esta semana coa asociación Aba do Pedroso para escoitar as “súas demandas de primeira man” en relación ás obras que está a executar a Deputación da Coruña entre o Carme de Abaixo e a Selva Negra.

Unhas obras para as que o ente provincial destina preto de 900 mil euros á construción dunha senda peonil de 2,56 quilómetros. Proxecto que foi impulsado polo anterior goberno local socialista e que unirá a zona urbana de Compostela coa parroquia de Figueiras, ampliando o ancho da beirarrúa actual de 0,5 a 2,8 metros.

Nun encontro no que participou tamén a deputada provincial responsable, Mónica Rodríguez, os membros da xunta directiva da asociación, así como outras veciñas e veciños da zona “achegáronnos aquelas cuestións que lles preocupan” en relación con estas obras, explica Aitor Bouza.

O secretario xeral dos socialistas comprometeuse a trasladar a través do partido as cuestións tratadas, fundamentalmente, actuacións de mellora da seguridade viaria na contorna da senda que se está a executar.